Aviso de que esta entrada é un pouco coñazo pero pode ser interesante para aforrar tempo e comeduras de tarro a quen pense irse de Erasmus.
Supoño que se pode dicir que a idea do Erasmus ven de cando Andre e eu comezamos a planear irnos xuntas. Ao final resultou que imos o mesmo ano, pero non ao mesmo sitio.
Realmente cando se concretou a idea foi o verán tras rematar 1º de Bioloxía. O plan era, nese verán, informarme perfectamente sobre todas as posibles universidades de destino, o nivel das clases, as asignaturas, o idioma, o país, as residencias, becas, horarios, e a talla media de sombreiro de copa da poboación estudiantil. Pero a realidade era moito máis bonita: as páxinas web das universidades son infernais bucles de links, os profesores que che deben informar ou pasan de ti ou non se enteran, descubres a marabillosa oficina de relacións internacionais (a nosa querida ORI) onde é máis difícil realizar un trámite nun só día que que che coincidan os resultados nunha práctica de laboratorio. Unha vez que sabes o que hai, xa vas ao práctico. Tomas as decisións de dúas formas: mandas un correo para preguntar, ou a boleo.
É unha pena non ter un motivo moi romántico polo que escoller Oslo, pero o certo é que foi por descarte. Quería que as clases fosen en inglés, e iso deixábame 3 opcións: Polonia, Reino Unido e Noruega. Polonia non me interesaba porque (oh, sorpresa!) unha das prioridades era que o nivel fose bo, e polo que oín non era o sitio axeitado. Polo mesmo motivo descartei Reino Unido (e porque só había unha praza xD). Así que me quedaba Oslo, que unha vez escollida, souben que foi unha boa elección (a excepción dos cartiños). E outra vez a comernos o coco mirando as asignaturas que tiñamos que coller, ilusas de nós, pensando que antes de decidir a onde ir estudar un curso enteiro deberiamos saber que asignaturas nos ofrecían. Pero non, ti primeiro escolles a onde vas e logo se non che gustan as asignaturas é problema teu.
Xa que despotrico tanto, como punto positivo teño que dicir que a coordinadora non nos puxo ningún problema para convalidar asignaturas. Ademais, descubres que a información máis importante sempre che vai vir da xente que xa estivo alí. O que non podes facer e fiarte de quen se supón que ten que estar informado, e sempre sempre contrastar a información.
Bueno, creo que dou por rematada esta primeira e aburrida entrada, espero que as seguintes sexan máis majas ^^
Sabela